A prosa de C. Emilio

Participei, non hai moitas datas, nunhas Xornadas en Celanova arredor de Celso Emilio Ferreiro organizadas por X. Mª Paz Gago no seo dun curso de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo . Alí defendín un relatorio arredor dalgúns aspectos biográficos, adiantando algunhas pasaxes do meu Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, compartindo a temática da disertación con Luís Ferreiro. Apenas puiden ficar unhas horas en Celanova, o que me impediu asistir ao resto das intervencións mais, con todo, volvín contento a Vigo pois puiden saudar e coñecer persoalmente a Carlos G. Reigosa, quen me ten agasallado con horas e horas de lectura desde hai moitos anos. Reigosa defendeu, no seo das Xornadas, a tese da validez e relevancia da prosa e do xornalismo de Celso Emilio, algo que comparto en todos os extremos. Permítome aquí reproducir a primeira parte dun artigo seu que viu a luz no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o pasado 28 de xullo, baixo o título de “A prosa de C. Emilio”, arredor deste mesmo motivo (e beizóns pola referencia):

Foi boa a idea de Barreiro Rivas e Paz Gago de dedicarlle un curso da UIMP a Celso Emilio Ferreiro na súa Celanova natal, cen anos despois de que o poeta vise alí a luz. A reflexión conxunta que puidemos facer varias pesoas (Alonso Montero, Ramón Nicolás, Luís Ferreiro, Alfredo Conde, Vicente Araguas, Manuel Bragado, Ramón Pernas, Basilio R. Cañada, Xosé A. Perozo, Aser Álvarez, Antonio Piñeiro…) foinos levando a algunhas conclusións compartidas que creo relevantes. Unha delas foi a necesidade de recompilar a obra periodística do poeta, espallada por xornais e revistas de Galicia, Caracas e Madrid. Porque o seu non foi un xornalismo do cotián (ningún periodista discutiría isto), senón un relato literario cheo de enxeño e de talento que figura ser moi actual xusto porque é literatura viva, sen data de caducidade. O libro Semblanzas, crónicas e artigos (2004) (…) é un bo exemplo do camiño intelixente e rigoroso que hai que seguir para recuperalo. O valor literario dos artigos de Celso Emilio xustifica o esforzo, porque neles está a súa visión crítica, o seu compromiso vital e a súa pegada irónica e poética. Son, pois, un espello ao longo do seu camiño.