Lilus Kikus, de Elena Poniatowska

Elena Poniatowska

Lilus Kikus (tradución de Teresa Moure; ilustracións de Santy Gutiérrez)

Trifolium, Oleiros, 2012, 64 páxinas, 15 €

 

Estrea Trifolium unha nova liña editorial, baixo o título de “Lunalimón”, e acolle neste primeiro paso unha pequena alfaia como é Lilus Kikus de Elena Poniatowska, en acaída tradución da escritora e profesora Teresa Moure, a carón da lectura artística que vén  a cargo de Santy Gutiérrez.

     O coidado estético do volume segue o ronsel caracterizador do selo editorial dirixido por Xan Arias que se abeira agora ao libro ilustrado a través dunha escritora con evidentes garantías como é Poniatowska. Lilus Kikus responde ás feituras dunha noveliña curta protagonizada por unha nena que contaxia unha singular interpretación do universo que a rodea, gobernada pola imaxinación e mais polo emprego dunha lóxica que resulta esmagadora.

       A protagonista, á que lle ocorren cousas a medias e talvez aquí radique un dos atractivos da proposta, resulta naturalmente inocente, posuidora dunha visión sobre as cousas e os sentimentos extraordinariamente fecunda e mesmo diría que exemplarizante, transmitindo en ocasións conclusións rodeadas de trascendencia -“a melancolía que sentimos por todo o que non é (…), a tristeza de todo o que non está completo”-, mais tamén reflectindo esa angustia polas ocupacións do pai, pola lousa que implica unha educación en clave relixiosa contra a que se manifesta con rotunda e inocente irreverencia.  Rodéana personaxes imborrables, como “Ovella”, unha amiga librepensadora e feminista,  clave para construír unha vida alicerzada en decisións e actos que cómpre realizar, unha procura incansábel de respostas a un universo de preguntas que ela se formula, entre as que están, tamén, o amor e mais a morte.

     Unha inequívoca pátina lírica enchoupa este Lilus Kikus, mais non se agocha unha visión igualmente reivindicativa. Unha escrita, a de Poniatowska, poderosa e  nada inocente. Grazas por traela entre nós.