Manuscritos: Agustín Fernández Paz

Corredores de sombra é unha novela á que, particularmente, lle gardo especial querenza, como lector e tamén por esa responsabilidade que conleva o feito de prescribir lecturas, pois a través dela moita xente nova descubriu, entre outros aspectos, historias familiares vinculadas coa guerra civil que na súa casa calaban.

     Agustín Fernández Paz comparte aquí o comezo do borrador da mesma, isto é, unha sorte de material en bruto que, ademais, lle foi roubado ao autor na Estación do Norte de Madrid, xunto con outras pertenzas, e do que nunca volveu saber, salvándose unicamente esta primeira páxina. Velaquí, así pois, unha versión orientada cara a unha primeira lectura persoal e escrita, como adoita apuntar o autor: “como sae a auga polo cano dunha fonte: seguido e veloz”.  Nesta primeira fase, a do borrador, é cando o autor se deixa levar “por esa conexión man-cerebro” para “escribir o que me vai saíndo, todo seguido, sen reparar en se vai ben ou mal. O proceso de darlle forma vén despois, cando te enfrontas á pantalla do ordenador con isto diante”. Logo vén o traballo de puír, unha e outra vez, con teimosía mesmo…, no seu caso sei con certeza que é así.