Manuscritos: Carmen Blanco

A escritora lucense Carmen Blanco engade a esta serie unha mostra manuscrita realizada ad hoc e constituída por tres fragmentos-microrrelatos titulados colectivamente “Creación libre”, extraídos do seu libro  Atracción total  e nos que se evidencia ese ronsel tanxible que vai desde as instancias da creación ata o concepto da  liberdade, pasando polo amor, a vida e a poesía. O volume do que se tiran estes textos e mais Vermella con lobos conforman, até o de agora, as pezas narrativas coñecidas dunha autora que transita tamén con frecuencia polos ámbitos do ensaio -de filiación  fundamentalmente literaria, feminista e libertaria-,  xunto coa poesía e, por veces, a tradución.