Blimunda e Saramago

Dei, un tanto casualmente, coas dúas entregas da revista Blimunda que a Fundação José Saramago puxo en circulación até o de agora. O título da revista fixo que recuase ao ano 1989 cando unha excelente profesora chamada Pilar Vázquez Cuesta, que sabía moito de  literatura e lingua portuguesa mais tamén da nosa literatura, deume a oportunidade de coñecelo persoalmente e presentalo nun acto multitudinario que se celebrara no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia de Compostela, no mes de marzo daquel ano. O Saramago que coñecín fuxidiamente, mostrouse agradecido por  un traballo académico que, orientado por Vázquez Cuesta,  realizara arredor dos seus cinco primeiros romances, onde lle prestara  atención á abondosa presenza de personaxes de orixe galega na súa novelística, sempre ben singularizados. O escritor amosóuseme como alguén moi accesible, extraordinariamente afable, vitalista  e interesado en coñecer detalles da miña procedencia e perspectivas de futuro, deixándome asinado a súa Viagem a Portugal, un libro que sempre me pareceu fascinante. Aquel mesmo verán atopei en Lisboa voces académicas acedamente discrepantes coa súa obra que non agachaban unha evidente xenreira polo seu pensamento, mais o certo é que anos despois gañaría o Nobel. Eu nunca máis o vin. Lin algún texto narrativo seu posterior pero teño para min que o fundamental de Saramago está, aínda, en títulos como Levantado do Chão, O Ano da Morte de Ricardo Reis, A Jangada de Pedra  ou no Memorial do Convento, en onde agromou aquela Blimunda, un personaxe feminino tan ben perfilado, con tanta forza que, pasados os anos, aínda ecoa na miña memoria.

    Digo todo isto porque foi unha alegría atopar eses dous números da revista dixital que promove a Fundación, con contidos literarios e sociais non exentos de interese; en especial o segundo que saltou á rede hai pouco onde atopei con satisfacción unha recensión sobre Pornografía, de Lupe Gómez, a cargo da crítica Sara Figueiredo Costa, e mais un estudo sobre aspectos sociolóxicos do fútbol, incluíndo aí a presenza dunhas páxinas sobre o caso galego. Blimunda tróuxome á memoria a Saramago e con el fixen unha saudosa viaxe no tempo: grazas!