Manuscritos: Arturo Casas

Leo sempre con atención e estimo  as achegas que o profesor Arturo Casas vén realizando, desde hai tempo, no ámbito do ensaio galego, onde sobrancea nos eidos da teoría crítica e mais nos da investigación do noso sistema literario. Non esquezo tampouco as saudosas intervencións que se plasmaron no blogue Lándoas, convertido logo en Alusión, nin as  súas  incursións no eido da creación poética, onde ben me gustaría que se prodigase con máis frecuencia. Quen é excelente coñecedor da estética pola que transitou Rafael Dieste, tan abeirado aos aforismos e á literatura mínima, regálanos un manuscrito titulado “Haikus da aula dez” que  incorpora catro textos creados por volta de finais dos anos noventa, tal e como confesa o profesor Casas <<mentres “vixiaba” algún exame na Facultade de Filoloxía compostelá>>. Os camiños da inspiración son, verdadeiramente, inescrutables.