Un dos autores que máis atención lle dispensou, ao longo da súa carreira literaria, á dimensión artística e poética dos seus propios manuscritos é, sen dúbida, Claudio Rodríguez Fer como testemuña a publicación dun espléndido libro manuscrito baixo o título de Rastros de vida e poesía, que inclúe un conxunto de fermosas serigrafías de Granell (pódese ver unha mostra premendo na frecha da sección “dossier” de El gato gris: Ediciones de poesía).
Incorporo aquí a primeira das suxestivas mostras deste labor que divulgo por cortesía do autor: un manuscrito inédito do poema “Luz azul”, tirado do libro A loita continúa e que, no seu día, Rodríguez Fer lle agasallara a Luz Pozo Garza.