Manuscrito: Marta Dacosta (I)

Asómase hoxe por esta sección unha interesante mostra do traballo de Marta Dacosta   en forma de manuscrito,  vinculado nesta ocasión con Acuática alma que, como é sabido,  constitúe o seu último poemario polo de agora.

       Velaquí, así pois e en primeiro lugar, as dúas páxinas manuscritas que se corresponden aos apuntamentos que xeran a composición titulada “Nada foi suficiente”, onde se incorporan, na parte inferior dereita da segunda páxina, unhas liñas que fan lembrar a terrible noticia que o inspirou, isto é, o arrepiante e execrable asasinato dunha muller, ocorrido en Murcia no ano 2008, a mans da súa parella. Logo, acrecéntase a versión definitiva publicada por Espiral Maior,  onde se pode advertir a dinámica dese proceso habitual que modifica, a través de correccións, emendas, supresións e adicións, a proposta inicial e mais a final. Un poema, abofé, cruzado pola intensidade,  a contención e a denuncia que expón con transparencia e sensibilidade poética o que aquel pavoroso crime encerraba.