Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Oito minutos, de Péter Farkas

Péter Farkas

Oito minutos (tradución de Sergio de la Ossa e Veronika Gergely)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 2012, 92 páxinas, 14 €

Atenta ao rescate de pezas narrativas contemporáneas doutros sistemas literarios asómase de novo a editorial Rinoceronte, a través dunha acaída tradución a cargo de Sergio de la Ossa e Veronika Gergely, a unha narración de Péter Farkas, autor  que eu saiba nunca antes traducido á nosa lingua. O escritor húngaro radicado en Alemaña ofrece neste Oito minutos unha obra que en absoluto resulta compracente, nin pola temática que exhibe nin tampouco pola solución técnica que acolle para darlle forma.

    Farkas deseña sen edulcorante ningún, lonxe de agochar a crueza das situacións, as dimensións da decadencia e decrepitude do ser humano, tamén das pegadas do paso do tempo, a través de dous personaxes innomeados: un home e unha muller que conviven, que seguen convivindo porque entre eles hai algo máis que rutina, talvez unha fe inquebrantable no amor. O relato do día a día do vello, que talvez resiste mellor os embates das doenzas e dos estragos físicos, afonda na relación que mantén coa súa compañeira, mergullada nun universo no que a consciencia vai e vén cando quere; é así  cando os actos máis cotiáns  resultan ás veces heroicos, cando adquiren corpo as diferentes maneiras de comunicación que non son verbais e que as máis das persoas que os rodean por veces non entenden. Esta é a cerna argumental dunha peza que se vertebra como unha apocalipse, vagarosa, aguilloante e inevitable, cara ao final. Farkas empapouse de “vellez” e quixo transmitila priorizando que fosen os corpos quen falan e espellando cada movemento, cada ollada, cada decisión, dun xeito milimétrico como, por exemplo, o proceso da perda do hábito da lectura, máis ben, a desaparición do entendemento do feito da lectura…

    Nesta novela todo ten un antecedente, todo é preciso por algunha razón, todo ten unha consecuencia; non hai onte, nin mañá…, todo é presente e, desde esa instancia, todo se articula para manter a  supervivencia, sometida a unhas leis de seu que non son operativas para outra realidade.

     “Oito minutos”  é o tempo que tardariamos en decatarnos de que o Sol morreu pois serían eses os minutos que demorarían os seus raios en chegar onda nós. O título da novela remite xa á espera inevitable: unha realidade tanxible que se transmite verosimilmente, un adeus anunciado.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: