Carlos Casares foi pioneiro no emprego das denominadas novas tecnoloxías, basicamente pola súa comodidade, utilidade e rapidez na comunicación, mais non rexeitaba os métodos máis clásicos para a escrita como un simple caderno e mais un bolígrafo. Un exemplo desta actividade amósaa este manuscrito, reproducido por cortesía da Fundación Carlos Casares, extraído dunha libreta na cal o autor ourensán articulaba as liñas esenciais dun discurso ensaístico vinculado coa interpretación da obra literaria e filosófica de Ramón Piñeiro: probablemente apuntamentos que logo callarían en Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, unha biografía que escribiu pouco despois da morte de Piñeiro e que, en 1991, merecera o V Premio Ánxel Fole. Máis adiante aparecerán nesta bitácora outras mostras manuscritas do autor.