Castelao na Unión Soviética en 1938, de Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero

Castelao na Unión Soviética en 1938

Xerais, Vigo, 216 páxinas, 17,50 €

Homenaxeouse esta semana a quen foi alcalde de Compostela e propietario da editorial Nós, Ánxel Casal e, entre outros, a Alexandre Bóveda. Un e outro foron amigos de Castelao e talvez sexa esta unha óptima ocasión para deterse neste ensaio que o profesor Xesús Alonso Montero publicou hai poucas datas, centrado nun capítulo pouco coñecido da biografía de Castelao como é o que orbita arredor da viaxe –en ocasións silenciada e noutras un tanto trivializada- que realizou á URSS en 1938, afondando tanto nas razóns que o conduciron a aceptar a invitación como nas actividades que alí realizou, sen esquecer as crónicas e os ecos que esta viaxe suscitou tanto na prensa como noutro tipo de documentos de orde privada, especialmente operativos para testemuñar as valoracións persoais que o autor fixo da experiencia.

        En esquema, este libro alicérzase desde a vontade de ofrecer, en primeira instancia, aqueles textos conservados –escasos e até o de agora dispersos, por veces exhumados con deficiencias e case descoñecidos- que fan referencia á viaxe e, a continuación, unha glosa dos mesmos a cargo do profesor Alonso Montero. Ao meu ver o exercicio da glosa vai bastante máis alá do que sería de esperar ao articularse o ensaio como unha revisión que, talvez, deixa xa pechado ou case esgotado e con inequívoca brillantez este capítulo biográfico de Castelao, con probabilidade –como o propio ensaio inmanentemente revela- de maior relevancia do que nun principio se poida crer.

       O libro subtitúlase, significativamente, “filocomunismo e prosovietismo de Castelao nos anos da Guerra Civil” e, en efecto, é esta  a aseveración que domina o espírito da investigación, sen nunca desatender a precisa contextualización socio-política do acontecemento que explica esa estadía ao longo de vinte e seis días en tres repúblicas da URSS. A exhumación e presentación dos textos de ou sobre a viaxe, mesmo aludindo a cuestións relativas á auténtica autoría dalgúns dos amentados, permite reconstruír un percorrido que irá calando no ánimo e na percepción dun Castelao que vai sentir, e así o testemuñan moitos textos aquí rescatados, unha sorte de fascinio ou entusiasmo en moitos aspectos pola nación soviética, en maior medida pola solución que se aplicara ao problema das nacionalidades, mais tamén no que ten que ver coa coas experiencias vividas no seo das visitas a diversas fábricas, na festividade do primeiro de maio daquel ano ou no coñecemento que obtén de diversos aspectos relativos á organización educativa, sanitaria ou laboral.

         O rianxeiro, sen ser comunista nin militar en ningún partido proletario, como en varias ocasións subliñou, retorna desta viaxe, en palabras de Alonso Montero “moi agradecido e gratificado”, e non só polo éxito que acadou a exposición que realizou no Museo da Revolución de Moscova dos seus debuxos bélicos. A realidade que lle é dado ver e coñecer provocará ese entusiasmo que arrefriará de vez logo do pacto xermano-soviético de setembro de 1939. Todo isto, e máis, encérrase neste documentado e vibrante ensaio, preciso para quen queira afondar con garantías nun aspecto relevante da biografía política, e persoal, de Castelao; necesario e oportuno tamén para ir reconstruíndo o territorio da memoria.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 18 de agosto de 2012, baixo o título de “Máis sobre Castelao”.