Letras nos cordóns, de Cristina Falcón Maldonado e Marina Marcolin

Cristina Falcón Maldonado (texto) – Marina Marcolin (ilustracións)

Letras nos cordóns (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2012, 32 páxinas, 14 €

Por veces cadran felizmente as excelencias, as literarias e mais as do ámbito da ilustración. Ao meu ver, este é o caso pois Letras nos cordóns, que subscribe Cristina Falcón no que atinxe á narración e Marina Marcolin, no que se refire ao ámbito da ilustración, atopan nestas páxinas un acomodo fantástico.

         Falcón achégase, desde un discurso áxil, sinxelo e verosímil, adoptando o punto de vista dun neno que integra unha familia numerosa e modesta, á descrición das vivencias que no ámbito máis doméstico -a casa e a escola nomeadamente- protagoniza esa irmá máis vella chamada Flor -apenas sete anos-  e, dalgún xeito, esa avoa á que lle cómpre se responsabilizar do fogar diante da ausencia absoluta da figura paterna e a escasa presenza da nai,  figura tratada con exquisita sensibilidade.  Falcón, e talvez sexa unha das razóns polas que máis me gustou a súa historia, conduce a quen se achegue a ela até un punto concreto, deixando libre a imaxinación para reconstruír elementos que puido mais non quixo relatar. Malia isto si incide, outorgándolle a relevancia precisa, nas dificultades da contorna familiar, nos afectos e sentimentos e,  sen dúbida, na necesidade de que nos conten historias, baixo a exaltación nada agochada do devezo por saber,  onde a lectura cumpre unha función axial, como tamén o é a conclusión esperanzadora que se desprende na súas derradeiras páxinas.

     A ilustradora, Marina Marcolin, realiza unha lectura que gaña enteiros segundo se avanza con ela: os espazos retratados son amplos e xenerosos; arrecenden, a través dos motivos empregados, a un tempo de outrora…, neles, coma se dun retrato en sepia se tratase, focalízanse as figuras humanas de mans dadas co xogo suxestivo do abecedario…, esas letras amalloadas a uns zapatos que só se calzan cando os irmáns se aproximan á escola.

     Letras nos cordóns constitúe un fermoso e inesperado achado. Libros así merecen un verdadeiro aplauso (na foto: Cristina Falcón, á dereita, e Marina Marcolin, á esquerda).