Non hai moito salientei o que, a meu entender, significaba En vías de extinción, de María Reimóndez, unha novela empoleirada nas últimas semanas nos libros máis vendidos e que está a obter o recoñecemento da crítica.
E, xustamente, dese volume amentado e por cortesía da autora, achego unha mostra caligráfica dun dos cadernos de anotacións que o viu nacer e mais a súa cuberta (reproducida na parte inferior deste apuntamento).
María Reimóndez, segundo confesa, escribe sempre inicialmente en cadernos e logo incorpora as súas anotacións ao ordenador. Nesta primeira versión salienta a práctica ausencia de correccións e marcas no manuscrito, tan só unha para sinalar que a páxina xa se reproduciu no arquivo correspondente do ordenador, existindo noutras páxinas algunhas outras emendas motivadas polos frecuentes cambios de nome que adxudica aos seus personaxes. Neste caso, o libro escribiuse coas ideas moi claras nun período que non foi máis alá de tres semanas intensas de traballo, entre as cidades de Bangor e Múnic, polo que os contidos dos cadernos e o resultado final que se pode comprobar no libro editado son moito máis próximos ca noutras ocasións.