Cun próximo libro entre mans, neste caso unha antoloxía da súa produción poética total, Antonio García Teijeiro comparte aquí unha mostra moi apreciada por el, como tamén o é para esta bitácora e quen a vai gobernando. Trátase do poema “Que ocorre na Terra?”, tirado do libro Paseniño, paseniño que, ademais do seu acerto compositivo, acadou certa celebridade ao incorporala o cantautor Paco Ibáñez nos seus últimos concertos. Para García Teijeiro os seus manuscritos presentan unha caligrafía pouco clara e “nerviosa, porque non quero perder a idea”. Sobre este resultado inicial, corrixe e emenda como se pode advertir no texto reproducido. Debaixo deste último pódese escoitar a interpretación do poema a cargo de Paco Ibáñez nunha montaxe que recolle unha gravación dun programa radiofónico.