Non podo dicir, como Joan Manuel Serrat, que “fa vint anys que tinc vint anys”, pois xa conto con algún máis, pero si hai vinte anos que agardaba, con entusiasmo, o meu primeiro libro: unha guía de lectura d´O soño sulagado de Celso Emilio Ferreiro, daquela libro de lectura obrigada en C.O.U., e que acollera o meu lembrado Carlos Blanco nas Edicións do Cumio que dirixía.
Daquela a hoxe si que van vinte anos, mais non esmoreceu o meu entusiasmo nin polo autor que me ocupara no devandito ensaio nin tampouco por recibir un novo libro como é este Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro que hoxe chegou ás miñas mans. Grazas ao equipo de Xerais que o fixo posible; grazas tamén a todas as persoas que achegaron o seu gran de area para ilo construíndo.