Que libro se vendía máis no teu aniversario?

Nos Estados Unidos, advirto. Un recurso na rede  permite, premendo a data do teu aniversario ou outra calquera, procurar os libros máis vendidos, en ficción e non ficción, recorrendo ao fondo do arquivo histórico que dispón The New York Times.  O servizo ofréceo Biblioz.com.

      No meu caso, na sección “ficción”, apareceu Valley of the Dolls, de Jacqueline Susann, traducida ao castelán como El valle de las muñecas. Nos EUA empoleirouse axiña  nas listas dos máis vendidos tras intensas campañas promocionais, malia moitas críticas negativas, entre elas as de Gore Vidal.

    Un ano despois da súa publicación  adaptouse para o cinema,  sendo protagonizada por Patty Duke, Barbara Parkins e Sharon Tate (na foto superior, de Ron Galella, con Polanski), sen lograr cumprir as expectativas que se depositaran no proxecto.  Como os camiños da rede tamén son inescrutables dei, por casualidade, cunha proba cinematográfica desta última actriz, xunto a Tony Scotti, para a versión á que me refiro. Sharon Tate, actriz de tráxico final e vítima dos seguidores de Charles Manson,  semellaba perfecta para o papel de Jennifer North, axeitándose ao encanto e á inocencia que esixía o personaxe. Velaquí o “screen test” na versión orixinal.


[vía dangerousminds]