Manuscrito: Xabier López

Xabier López, cuxa última entrega narrativa comentei ao pouco de que botase a andar esta  bitácora –Os libros prestados-, non adoita conservar moitos manuscritos das súas obras literarias pois, agás os apuntamentos que recollen as ideas, liñas esenciais do argumento e personaxes, tal e como confesa, acostuma escribir a man, unicamente, o inicio das novelas.
Malia todo, quixo estar aquí  cunha primicia: a primeira páxina dunha novela xuvenil, manuscrita naturalmente,  que publicará na editorial Galaxia polo mes de outubro baixo o título de Cando Artur non era rei; xénero no que este escritor radicado en Betanzos xa se internara, no ano 1997, con Biff, Bang, Pow! (Novela Case Negra), que editara Sotelo Blanco Edicións. Boa sorte co novo proxecto!