Open Cultura recuperou unha gravación, realmente histórica, de dúas estrofas do coñecido poema “A balada do cárcere de Reading” de Oscar Wilde, no que o propio autor recita ese fragmento. O libro que, como é ben sabido, formula o primeiro alegato literario contra a pena de morte e a situación da vida nos cárceres, editouse en galego, por Laiovento, no ano 2003, en tradución de Amalia Salvado e Antón Lopo, con ilustracións de Xurxo Fernández.
A audición, concretamente os últimos 45 segundos do vídeo, resulta moi deficiente pois procede de antes do ano 1900, ano en que el morre. Tras a difícil percepción na declamación dos primeiros versos logo vaise oíndo con maior claridade. A meu ver resulta abondo para escoitar a súa voz, recoñecer o seu acento e advertir as súas particulares inflexións.