Proxección exterior da poesía galega

Manuela Palacios (éd.)

Forked Tongues

Shearsman Books, 186 páxinas, 12,95  £  ***

Distribúese, desde hai escasos días, unha antoloxía poética publicada polo selo inglés Shearsman Books baixo a responsabilidade da profesora Manuela Palacios; unha  empresa editora, por certo, aberta e receptiva á literatura contemporánea galega pois xa acolle no seu catálogo poemarios de Chus Pato, María do Cebreiro e, hai pouco, de Manuel Rivas, en tradución da irlandesa Lorna Shaughnessy.

            Este Forked Tongues, título  que asume a expresión empregada pola poeta irlandesa Eavan Boland cando se refire ás consecuencias lingüísticas da colonización inglesa no seu país, parella á da “lingua gallada” que Marilar Aleixandre reproduce nalgúns poemas cando reflexiona sobre o feito de escribir nunha lingua que non é a materna,  conta cando menos con dous precedentes como son Pluriversos (2003), unha escolma de poetas de Irlanda,  cotraducidos por Arturo Casas a Manuela Palacios, e mais To the Winds Our Sails (2010), un proxecto no cal poetas irlandesas traduciron a dez poetas galegas, tanto ao inglés como ao irlandés.

         Nesta ocasión, incorpóranse versións bilingües en galego e inglés de poemas de Chus Pato e María do Cebreiro, que constituían parte do catálogo de Shearsman,  xunto  con  outras voces que non formaran parte da antoloxía anterior  -a devandita To the Winds…- e que son Pilar Pallarés, Yolanda Castaño e mais Lupe Gómez Arto; de todas elas poden lerse composicións, nalgúns casos inéditas,  traducidas ao inglés por poetas irlandesas que, segundo a editora do volume, gozasen dalgunha afinidade, de carácter estilístico e temático, coa obra das poetas  que   traducen.    A carón delas, súmanse catro poetas vascas   –Itxaro Borda, Miren Agur Meabe, Castillo Suárez e Leire Bilbao-   e catro catalás –Vinyet Panyella, Susanna Rafart, Gemma Gorga e Mirei Calafell-, con textos en inglés e nas súas respectivas linguas,  para poñer o ramo a un excelente volume,  coidadosamente anotado e que só cómpre saudar con satisfacción.

Lur Sotuela (dir.)

El invisible anillo. Érase una vez… Galicia

Eneida, 96 páxinas,  15 €

El invisible anillo, revista subtitulada «Poesía, arte y literatura», dependente da editorial Eneida e dirixida por Lur Sotuela, vén de poñer en circulación unha nova entrega baixo o subtítulo de  «Érase una vez… Galicia». Centrada nesta ocasión, así pois, na difusión da poesía galega, adxectivada nas páxinas limiares como «de una riqueza abrumadora» e «fecunda y deslumbrante», é un proxecto previo á antoloxía que aparecerá no mes de outono na mesma editora baixo o título de «Sinfonía atlántica. Antología General de la poesía gallega».

      A revista, de indubidable acerto estético e con ilustracións ad hoc do artista cordobés Ginés Liébana, articula unha viaxe que vai mesturando mostras de voces clásicas como as de Rosalía, Pondal, Curros, Cabanillas, Otero, Pimentel, Novoneyra, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro (sempre en versións bilingües) coas dalgúns poetas dos nosos días como Méndez Ferrín, X. Mª Álvarez Cáccamo, Cesáreo Sánchez, Xulio L. Valcárcel, Darío X. Cabana, Claudio Rodríguez Fer ou César A. Molina, constituíndo, así pois, unha breve carta presentación da nosa poesía, ao meu ver mellor compensada se contase co concurso tanto de voces femininas como doutras dos anos noventa e posteriores. Alén diso, incorpóranse diversos ensaios nucleados arredor da obra de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía, Cunqueiro e outras motivacións literarias a cargo de Carmen Blanco, Arcadio López-Casanova ou Teresa Seara entre outros.

          El invisible anillo testemuña, con todo, a relevancia da lírica galega, de onte e de hoxe, no panorama peninsular e europeo á espera desa antoloxía anunciada que, de mans con este proxecto, difundirá unha parte clave do noso patrimonio literario.

Esta reseña publicouse baixo o título de “Proxección exterior da poesía galega” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 25 de agosto de 2012.