VI Premio Diario Cultural de Teatro radiofónico (Radio Galega)
Xerais, Vigo, 72 páxinas, 15,55 € (+ cedé)
Sigo con especial atención as convocatorias -e xa van media ducia- deste singular galardón que organiza o programa Diario Cultural da Radio Galega e que se materializa nunha publicación que vai dando conta dunha modalidade teatral como é a radiofónica e que, ao meu ver, goza claramente doutras posibilidades efectivas, útiles e rendibles, por exemplo no ámbito da docencia.
Bo é, así pois, volver os ollos a esta publicación aparecida hai xa algúns meses e, talvez aínda máis, valorar no seu conxunto o que significa unha achega conformada, até o de agora, por estes seis volumes publicados deica hoxe valorándoos como mostra dun xénero – o das publicacións teatrais- que sofre moi intensamente as dificultades dunhas circunstancias como as actuais.
Nesta ocasión, os traballos galardoados que aquí se inclúen, reproducidos asemade nun cedé e prologados polo actor e director teatral Evaristo Calvo, veñen da man de Eva F. Ferreira -premio do xurado- co texto “Poema sinestésico para tres voces e un can”, onde salienta o coidado depositado nun rexistro de vocación claramente literaria, a inequívoca vontade de destruír xéneros, ou fundilos se cadra, e a atención dispensada á estética do absurdo, extraordinariamente operativa para construír unha visión crítica.
O premio da audiencia recaeu en “Intercom-Baby”, de María Bañobre e Santiago Cortegoso quen, optando por un discurso máis cotián igualmente evidencian tics obsesivos da nosa sociedade, neste caso xogando con acerto á ambigüidade e á suxestión, tamén ao que está -ou poder estar- fóra de control.
Por último, integran o volume os textos “Quendas” de Zé Paredes, un ben construído discurso cheo de intención crítica onde a tensión se dosifica acaidamente, e mais “Ironías” de Carlos Losada Galiñáns, dominado por unha vontade irónica, raiando igualmente co absurdo mais talvez -case- real.
Agardo xa á sétima convocatoria e a súa publicación. Hoxe, coma sempre, o teatro é tamén unha necesidade.