Manuscritos: Xabier P. DoCampo (I)

Xabier P. DoCampo (na foto da dereita parolando con María Solar, no barco de volta da entrega dos premios Xerais deste ano en San Simón) revélase como un escritor pouco mitómano, mais tamén dadivoso engadiría eu pois adoita regalar os manuscritos ás amizades. O que si teño claro é que pertence a esa caste dos xenerosos pois quere estar aquí presente cunha mostra da novela na que anda a traballar desde hai algún tempo, loxicamente, cun  caderno e mais un bolígrafo na man.

      É dese caderno de apuntamentos de onde provén a mostra que abaixo se reproduce; como se advertirá, máis ben son notas que non constitúen texto literario ningún, pois este irá adquirindo forma máis tarde e directamente xa no ordenador. Isto non quere dicir que non existan manuscritos de propostas narrativas, que os hai  “agás nos contos que -como confesa- son fragmentarios, porque hai anacos que fago manuscritos e anacos que fago directamente no computador, mesmo uns continuación dos outros”.

         O plano de traballo, deste xeito, aliméntase con esquemas, notas, planos…,  recollidos en cadernos que, ao longo da ideación do libro,  van canda el a todas as partes. Neste apuntamento de hoxe pódense observar o que son dúas páxinas que deseñan a chegada da protagonista da novela, unha nena de nove anos, a unha casa que desde ese momento será a súa: ideas que van e veñen, para quedar, para se modificar, para desaparecer nalgúns casos…, todas a revelar que o traballo é, sempre, intenso, absorbente e moi planificado. Deixo, para máis adiante, un esquema dun capítulo desa novela, que agardo poidamos ler en non moito tempo.