Un era moi mociño naquel verán do setenta e nove, mais lembro ben que a noticia do seu pasamento me sorprendeu pois xa circulaban na miña incipiente biblioteca a Longa noite de pedra e mais A taberna do galo e, daquela, supoño que me decatei de vez: os poetas tamén poden morrer, pero non como as outras persoas pois, como souben que ao propio Celso Emilio lle gustaba dicir, os poetas ao morreren envérsanse, métense nos seus versos, e quen os le tempo despois non son conscientes de que axudan a desenversalos, resucítanos un chisco.
Hoxe á noite, neste que é o ano do seu centenario, desenverso conscientemente a Celso Emilio Ferreiro e préstame darlle as grazas por tantas razóns que non caberían aquí.