Planh. 10 poemas de Anne-Marie Cazalis, n´O Figurante Edicións

Cazalis, Anne-Marie

Planh. 1o poemas [tradución de Edelmiro Momán Noval e Vlasta Momán-Kováčová]

O Figurante Edicións, Vigo, 33 páxinas,
12 €

Por cortesía desta nova empresa editora O Figurante Edicións, dirixida por Alberte Momán,  chego á Planh, unha edición cuadrilingüe (francés, castelán, inglés e galego-portugués), traducida por Edelmiro Momán Noval e Vlasta Momán-Kováčová,  que ofrece dez poemas de Anne-Maria Cazalis, unha autora que particularmente descoñecía e que me parece de extraordinario interese.  Planh é unha obra que viua luz orixinalmente en 1944, pouco despois de que Cazalis gañara o premio de poesía Paul Valéry e meses antes do final da ocupación alemá. Fixéranse dela apenas 250 exemplares nunha edición artesanal que agora cobra outra proxección mercé a esta aposta deste novo selo editorial galego alicerzado nunha filosofía que, como sinalan, aposta por “situarse sempre a favor de toda a diversidade que cómpre preservar (…)  O Figurante Edicións, non ostenta, ou cando menos non o pretende, unha posición aséptica ou afastada da realidade que actualmente estamos a padecer. Como entidade, tamén, política, dentro do seu ámbito de actuación, preténdese un espazo contaminado de ideas, cunha adicción necesaria ao conflito. É, como non podería ser doutro xeito, un entorno dedicado á reflexión, aberto a novas formas de pensar que reinventen a rebeldía, por medio dunha réplica audaz. Eis, por tanto, a intención. Eis o proxecto”.

        Estes poemas que agora se rescatan, axiña nalgunhas librarías, prológanse por Edelmiro Momán quen informa atindamente arredor dunha biografía ben sorprendente e vigorosa. Planh, abofé, supón unha auténtica rara avis no panorama da edición galega: desde o seu título evoca o xénero occitano no que os trobadores se laiaban pola morte de alguén e  xira, xustamente, arredor dos motivos da despedida, da morte, do adeus…, por veces adoptando un ton profético, noutros cun eu lírico a espirse con franqueza e en ocasións optando por fórmulas máis narrativas, simbolizando o modelo dunha escritora de minorías dotada dunha extraordinaria sensibilidade para o retrato do seu tempo, para o retrato do seu mundo particular que tamén é o noso.

           Parabéns por esta iniciativa que, ao que se ve, gozará de continuidade con dous títulos máis como son unha  Antoloxía de poetas republicanos irlandeses e mais o poemario Lusocuria Verónica Martínez Delgado.

      Abaixo pode escoitarse  a autora recitando o poema “La liberté” na  boate Le Tabou, París  (1947).