Inma López Silva: "o poder revolucionario da palabra escrita"

Comezou a publicar cando non cumprira vinte anos e no seu percorrido salientan diversos galardóns literarios. Falamos con ela sobre Tinta, unha compilación de relatos curtos.

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) desenvolve na actualidade a súa profesión de docente na Escola Superior de Arte Dramática en Vigo. Columnista en diversos xornais e ensaísta, na súa traxectoria salientan novelas como Concubinas (coa que obtivo o Premio Xerais en 2002) ou Memoria de cidades sen luz (coa que gañou o premio Blanco Amor en 2007), ambas traducidas ao castelán en Ediciones Ámbar, e New York, New York (2008), igualmente traducida en El Andén.

Publicou a súa primeira novela con 18 anos. Que permanece en vostede daqueles comezos?
-Comecei a escribir porque cría na capacidade da literatura para construír mundos alternativos que permitan unha reflexión distanciada e unha opción para a outredade e o sentido crítico. Todo iso non cambiou aínda que quizais se depurou e, sobre todo, se confrontou co meu propio proceso vital: entre os 18 anos e os meus 34 actuais, intensificouse aínda máis a miña crenza no poder revolucionario da palabra escrita.

-Nas súas propostas narrativas hai moita ironía e unha mirada á memoria para fabular…
-A memoria, creo, é o espazo natural da narrativa. Contamos porque a nosa linguaxe ten a potestade de servir de espello retrovisor do mundo. Situar as miñas novelas nunha perspectiva memorística (aínda que sexa sobre a actualidade) é situalas no contexto natural do relato, algo que, ademais, se ve intensificado pola utilidade literaria dos temas situables na memoria, así como polo interese crítico e intelectual dese ámbito. En canto á ironía…, non a busco, pero deposítase no que escribo…

-Ao tempo, o protagonismo feminino e certa anglofilia alicerzan a súa estética narrativa…
-O protagonismo feminino é, na maior parte dos casos, unha decisión consciente: quixen dar voz, sobre todo en Memoria de cidades sen luz e Concubinas, a voces silenciadas da Historia, e de aí que optase por centrar o relato no punto de vista de mulleres que dan a súa versión dos feitos, convertendo en posible historicamente o que en realidade é ficción. Noutros casos, esa presenza feminina débese a que me sinto cómoda nunha narrativa que xoga á confusión entre escritora e narradora, vida e relato (New York, New York). Esa certa anglofilia forma parte da vida que só son capaz de expresar como ficción, igual que a miña francofilia máis teatral.

Que se pode encontrar en Tinta?
-Tinta son seis relatos escritos entre 2000 e 2010. Entre os relatos existen elementos que os relacionan entre si e co resto dos meus libros. A tendencia ao protagonismo feminino e á utilización da memoria son dúas delas. Certa vocación de compromiso tamén está presente, igual que o xermolo inicial de obras anteriores. Tinta supón, ademais, pechar un
ciclo literario, aínda cos ollos postos en inquietudes que están máis presentes no que escribo actualmente.

-E en que consiste esa novidade?
-É unha unha novela na que o tema é a liberdade dos outsiders e a hipocrisía que rodea as convencións sobre o  ben e o mal. Nesta ocasión, dende a propia actualidade.

Esta entrevista publicouse no número 179 da revista Qué leer, sección “Letras Galegas”, baixo o título de “La revolucionaria palabra de Inma López Silva”. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.