Manuscrito: Xesús Constela

Sospeito que Xesús Constela,  o escritor ferrolán radicado en Poio, saborea estes días a excelente acollida crítica que está a obter a súa última proposta narrativa titulada 15.724 e que, particularmente desde aquí, volvo recomendar.

       Á marxe de cuestións de actualidade, Constela, para quen as ideas para a  ficción xa van adquirindo forma na pantalla do ordenador para logo corrixir a man nunha copia en papel,  incorpórase a esta sección de manuscritos con este texto realizado ad hoc: un (micro)relato  titulado “Burbulla”, tirado do seu libro As humanas proporcións,  proposta coa que conseguiu o premio Torrente Ballester (2003) e que a editorial Galaxia publicaría un ano despois, obtendo asemade, en 2005,  o premio da Asociación Española de Críticos Literarios na súa modalidade de narrativa en galego. “Burbulla” é unha fermosa e intensa instantánea evocadora que se constrúe coas palabras precisas e xustas, desta vez da súa propia man.