Manuscritos: Pedro Feijoo (I)

A entrada de Pedro Feijoo no panorama da narrativa galega contemporánea resultou absolutamente fulgurante. É pouco habitual que  coa primeira novela se poida acadar unha sintonía tal entre crítica -que na súa gran maioría, entre a que me inclúo, salientaron as bondades da súa proposta e o que pode significar Os fillos de mar para que se acheguen á narrativa en galego quen non o facía ou o facía raramente- e lectorado: tres edicións consecutivas e medio ano termando do primeiro posto das vendas de libros en galego falan ás claras.

        Pedro Feijoo agasalla a esta bitácora  cunha mostra, ao meu ver significativa, dos manuscritos que contribuíron a darlle forma. A quen leron a novela resultaralles doado recoñecer a orixe dalgúns dos fragmentos; a quen non, convido a desde aquí a que o fagan e poidan confrontar os resultados entre estes manuscritos e versión impresa. Deste xeito, reprodúcese en primeiro lugar, dunha carpeta titulada  “Os fillos do mar”, os apuntamentos que se corresponden  co comezo dun dos cinco bloques do libro, neste caso o cuarto, que se dedicou a Eneas.

      A imaxe que segue corresponde ao momento en que o protagonista Simón por fin comprende o segredo que agocha a carta coas iniciais: un momento clave da novela que suscita, se cadra, un regueiro de reflexións ou conxecturas sobre cara a onde e como avanzará o argumento desde aí. Por último, no terceiro manuscrito, obsérvanse algunhas das marcas que o propio autor ía realizando no proceso da escrita: acoutacións,  referencias mediante frechas e mesmo algunha “coda” que -como Feijoo confesa- talvez saian á superficie rescatando o seu pasado profesional vinculado coa música. Velaquí os manuscritos: