Mil primaveras máis para Tanxarina: Titiricircus

Tanxarina

Titiricircus (ilustracións de P. Pastor)

Kalandraka, Pontevedra, 30 páxinas, 2012.

 

Que unha obra de teatro de monicreques cumpra vinte e cinco anos é sempre unha satisfacción e  que esta peza veña da man dunha compañía do prestixio de Tanxarina Títeres aínda o é máis. Unha fermosa iniciativa, da man de Kalandraka,  quere se unir a esta celebración gozosa a través da edición deste libro que se presenta no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, este vindeiro sábado a partir das 19:30 horas, no seo dunha serie de actos que tamén se estenderán até o domingo.

      Este libro, ilustrado con sensibilidade e acerto por P. Pastor, que establece un ricaz diálogo coa iconografía clásica deste espectáculo artístico,  relata con sinxeleza as vivencias de dous pallasos dun vello circo desaparecido que apostan polos títeres, por crear unha nova compañía gobernada por un alento novo, onde teña cabida o humor, mais tamén a sorpresa, a ironía, a fantasía e o optimismo. Todo isto supón, quen o dubida,  unha emocionada homenaxe, un recoñecemento ao mundo dos monicreques e, por extensión, ao universo do circo, que se defende heroicamente día a día. Imaxe e narración, así pois, ao servizo dese marabilloso espazo teatral desde o que milleiros de persoas gozaron, gozamos, tantas ocasións: mil primaveras máis para Tanxarina e o seu Titiricircus!