O destino de Clarescura Lens, de Alfonso Álvarez Cáccamo

Alfonso Álvarez Cáccamo

O destino de Clarescura Lens

Biblos, col. Mandaio, Cesuras, 88 páxinas, 14 €

 

Cando leo as propostas narrativas de Alfonso Álvarez Cáccamo, que manexa tan acaidamente os recursos creativos, que os  harmoniza con singulares dotes  maxinativos de mans dadas con argumentos sempre distintos e de xinea reflexiva, pregúntome polas razóns que levan a que pasen inxustamente desapercibidas e máis en alguén coa súa traxectoria. Á magnífica novela que publicou hai catros anos titulada A revolución dos globos séguelle agora O destino de Clarescura Lens: ao meu xuízo unha proposta ben interesante desde a súa formulación inicial.

         O autor sitúanos nunha atmosfera na que todos os elementos, en aparencia,  semellan apuntar cara ao reino da sátira, erixindo así unha  sorte de distopía fantástica que semella retratar un universo que, ao contrario do que é adoito, se proxecta no pasado e  avanza progresivamente ata a actualidade. Rastréxase así, desde as primeiras páxinas, un arrecendo a ambigüidade, a desorientación, conscientemente procurado, ao que  contribúe tanto a configuración da voz que relata esta historia -Osino, personaxe enigmático, case inmutable, sempre presente a través do tempo e dono dalgún xeito do destino ou do fado-, como a onomástica empregada para os personaxes inspirada no ronsel dos palíndromos e nos xogos combinatorios que se operan cos nomes de persoas, práctica se cadra inspirada nas reflexións onomásticas nas que Xosé María Álvarez Blázquez, pai do autor, se exercitara nos seus últimos días de vida e velaí como os nomes dos personaxes da novela posúen, así pois, unha carga significativa nada oculta que van desde o tratamento irónico do sabio da comunidade, chamado Osurac pois nace o mesmo día que un tenor  italiano chamado Caruso, ata os máis diáfanos Asimusa, Atar, Rebasaitiav, Orutufo…

        Deste xeito, nun espazo marcado polas desavinzas xeradas pola invasión dos “socutros” no territorio dos “inmeiráns”, é preciso non burlarse nin tentar o Destino ao poñerlle nome a unha rapaza, filla de familias encontradas: o seu nome será o de Clarescura, pois nada do que nos rodea “está moi claro ou moi escuro”, e ela será quen nos conduza pola descuberta dalgunhas claves dese universo alegórico.

        Á marxe dunha orientación que pode semellar lúdica, humorística ou unicamente satírica nunha primeira lectura, repousa aquí unha moi interesante visión sobre o odio lacerante que pode pervivir durante anos e que nun determinado momento ten que estoupar. Non  resultan menos vizosas as visións que se desprenden do exercicio omnímodo do poder ou do concepto da soberbia, da aplicación da represión ou das liñas de empatía visibles e invisibles entre avós e netos. Un libro, así pois, que vai máis alá do puro divertimento e  alicerzado con múltiples arestas, todas elas deseñadas con bo saber.

Esta recensión, baixo o título de “Ferrados de imaxinación”, publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 22 de setembro de 2012.