Manuscritos: Rafael Dieste

No ano 1995 o Día das Letras Galegas dedicóuselle a Rafael Dieste, no ronsel da recuperación de escritores que viviron boa parte da súa vida no exilio como Eduardo Blanco-Amor e Luís Seoane. Aquel ano foi, sen dúbida, extraordinariamente vizoso no que se refire ás publicacións que puxeron ao día o legado literario de Dieste. Entre estas publicouse un extraordinario volume titulado Epistolario amoroso (Biblioteca Gallega) -“cartas conxugais” denomínanse no limiar- entre o autor d´A fiestra baldeira e Carmen Muñoz. Aquel volume, pioneiro no seu xénero entre nós e do que se responsabilizou X. L. Axeitos, tivo outro correlato no quinto volume das Obras completas (Ediciós do Castro), editado tamén polo mesmo estudoso e no que daba a coñecer a práctica totalidade das cartas do rianxeiro. Non quero esquecer tampouco, neste sentido, a edición do Epistolario de Carmen Muñoz editado no 2005 na Biblioteca del Exilio a cargo de Charo Portela e Axeitos.

    Do volume publicado en Ediciós do Castro antes amentado reproduzo aquí o anverso dunha carta que lle envía Dieste á súa dona, Carmen Muñoz, desde Poitiers,  o 7 de abril de 1939. Abaixo, por cortesía de Arturo Casas, incorpórase unha nota manuscrita de Dieste  procedente do reverso dun dos folios mecanoscritos que copiaban unha nota publicada na revista Galicia, en agosto de 1939, co título de “Breve reseña biográfica de Rafael Dieste”. Esta última, segundo o profesor Casas, resulta de interese ao revelar a posible relación de libros que procuraría consultar ou adquirir pois “sen dúbida dan pistas sobre os seus estudos de pintura (a de Colmeiro en particular naqueles primeiros anos do exilio) e tamén sobre as súas preocupacións no terreo da xeometría euclídea”.