Con Celso Emilio Ferreiro

Onte celebrouse a primeira presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e acolleunos un espazo magnífico como é a JT PhotoGallery de Javier Teniente en Vigo, un lugar  que recomendo vivamente visitar. Só podo dar as grazas ao seu propietario, por cedernos a súa casa; a Celia Torres pola organización, coma sempre, impecable; ás garimosas  palabras de Manuel Bragado,  Luís Ferreiro e Abel Caballero, que se sumou voluntariamente a un acto e en quen vexo, como sinalou Bragado, a representación simbólica da cidade na que vivo e que está coa memoria de Celso Emilio Ferreiro. A miña gratitude a Isabel Ferreiro  pola súa simpatía, polos poemas declamados de seu pai e polas palabras que me dedicou. Por suposto non esquezo os magníficos Labregos do tempo dos Sputniks, que nos agasallaron con tres temas e que saían a toda velocidade, ao rematar o acto, para Fisterra.

      E, non podía ser doutra maneira, o meu agradecemento tamén a quen asistiron: aos meus, a docentes e alumnado do IES Valadares, a moitas persoas da nosa República da Letras que quixeron estar neste momento canda nós, aos amigos, amigas e a xente que descoñecía pero que se uniu con optimismo nesta devoción ferreiriana: unha bóla de neve que non se detén. Onte será un día  difícil de esquecer.