Xosé C. Caneiro fala de "Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro"

A columna quincenal que Xosé Carlos Caneiro mantén no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, acolleu onte baixo o título   “Biografía” un artigo no que o  escritor verinés  reflexiona sobre a saúde do xénero biográfico galego considerando que “poucos compendios bibliográficos ou literaturas nacionais amosan unha actividade tan fecunda como a biografía galega”.

      Agradézolle que, tras referirse a algúns títulos que salienta dentro deste xénero, se refira a Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro nestes termos: “… omito verbalizacións para ponderar en xusta medida Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, editado por Xerais e asinado por Ramón Nicolás. Todo son virtudes, ou iso me parece. E se tivese que citar un defecto, antes de evidenciar o fervor que esta obra me procurou, diría que botei en falta un índice onomástico, circunstancia esta que en nada empaña o valor desta obra primordial, dende o día da súa publicación, para a historia da cultura e literatura galegas. Ademais da minuciosa investigación levada a cabo polo profesor Nicolás, algo inherente ao labor dun bo biografiador, debo aplaudir a prosa utilizada. Non é fácil escribir con tanto acerto sobre os outros, con tanta proximidade e agarimo. Só os grandes relatos (penso na vida de Johnson asinada polo seu contemporáneo Boswell) son capaces de transmitir esa complicidade autor e obxecto do autor, aínda que vivan tempos non paralelos. A cultura galega debe recibir como merece un libro tan singular: con lectura e devoción. Eu, na fin da columna, só podo escribir a indómita palabra: grazas”.