A boca chea de terra, de Branimir Šćepanović

Branimir Šćepanović

A boca chea de terra (tradución de Jairo Dorado)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 72 páxinas, 14 €

Cómpre agradecer o fino olfacto de Rinoceronte que nos trae para o galego títulos realmente salientables poisenriquecen a través das traducións, quen o dubida,  unha parte substancial do patrimonio literario universal ao que podemos acceder en lingua galega. Afirmo todo isto, moi conscientemente, ao fío d´A boca chea de terra, de Branimir Šćepanović, que traduce directamente do serbio, e con extraordinaria solvencia, Jairo Dorado.

   Esta novela, galardoada en 1974 co premio literario “Outubro” de Belgrado, é unha desas alfaias extraordinarias que cómpre coñecer. A narración faime pensar na relevancia que posúen a exhibición da economía de medios, a sobriedade e a axilidade discursiva partindo dun argumento en aparencia sinxelo como é a fuxida do protagonista -un home enfermo de cancro- cara a un ningures, cara ao final definitivo. Neste percorrido atópase dous homes, no medio dunha paraxe natural, e desde ese “encontro” desatarase un rodopío de situacións, por veces absurdas, por veces raiando o inverosímil, desde unha dobre perspectiva: os homes que o atopan, por un lado, e o doente, que confesa os seus pensamentos desde unha terceira persoa omnisciente. Ambos os recursos contribúen a desvelar un mundo onde non todo é como semella e onde abrollan miraxes, interpretacións erradas ou sospeitadas que, particularmente, me fan pensar en magníficas pasaxes do Quixote cervantino ou nalgunhas páxinas de Kafka, dotadas en ocasións dun envexable ton paródico e no que se subverte a propia realidade: esa fuxida xa non só se debe á enfermidade: tamén é unha fuga que persegue afastarse dos clixés da sociedade inquiríndose, ao tempo, polo propio sentido da existencia depositado, sinálao ese fuxitivo, no amor e na beleza, perseguindo arreo unha apaixonada defensa do dereito á intimidade, conculcado unha e outra vez.

    Un libro, en definitiva, dominado por unha sobranceira vontade de estilo e intensamente desacougante. Todo un acerto traelo para o galego.