Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Poesía estremeira: Lois Antón e X.X. Fernández Abella

Na poesía galega actual cohabita, é ben sabido, unha fecunda pluralidade de poetas de diferentes tempos e tendencias. Con todo, hai algunhas voces de difícil ou, por dicilo claramente, de imposible adscrición a movementos ou xeracións, se se me permite o termo. Presenzas que exhiben matices singulares, alleas aos exercicios de clasificación aos que a crítica sempre tende. Son, en definitiva, poetas que orbitan nunha zona periférica, non sei se inxustamente, e que ben merecen que se volva a ollada á súa obra pois nela non é difícil rastrexar talento, versatilidade e mesmo achados sorprendentes. Dúas destas voces ocupan as seguintes liñas.

LOIS ANTÓN: O POPULAR EN LETRA IMPRESA

Escribín nalgunha ocasión sobre este poeta ourensán de Escudeiros (Ramirás), subliñando a miña devoción pola súa obra pois esta representa a perpetuación da rara, por escasa, figura do fistor, isto é, a do poeta popular, enxeñoso, autodidacta, cun dominio poderoso do ritmo versal e, no seu caso, comprometido coas causas máis nobres.

       Este camiño percórreo Lois Antón a través do xénero teatral e do poético desde hai anos, sendo neste último ámbito no que cómpre engadir Vellos e novos cantares,  subtitulado significamente como “regueifas e desafíos”, deseñadas sen o trazo competitivo que terían a nivel oral, pero escritas para ser lidas en voz alta e onde é doado advertir o esforzo do propio poeta por conseguir o resultado máis acaído no paradigma da poesía popular. O libro recolle poemas de moi diversas datas, algúns redactados na emigración a finais dos anos setenta e outros compostos na actualidade, todos vinculados por seren construídos cos recursos máis adoitos da poesía de xinea oral, sen esquecer aplicar a ironía e o aguillón crítico cando se precisa, achegándose, con efectividade emocional e talento, sempre desde as instancias da sinceridade, a asuntos como son as ausencias, a emigración, o amor ou a defensa do idioma galego. O fistor, Lois, entoa cantares aquí que contaxian sentimento e emoción: non é difícil sentilo.

X. X. FERNÁNDEZ ABELLA:  POETA CELEBRATORIO

Non é, o monfortino Fernández Abella un poeta novo nin tampouco se estrea con Poemas de amor, loanza, condea e outros. Mais talvez constitúa este o seu libro máis relevante pois as  súas páxinas transmiten unha voz indiscutiblemente experimentada que recolle mostras dun quefacer poético que vai de 1955 ata hoxe e que divide en catro seccións operativas para percorrer os eixes temáticos máis queridos polo autor e que suscitaron o seu traballo creativo, isto é, a celebración do “amor”, tanto o que ten que ver con persoas concretas como as que orienta cara a Galicia ou á súa lingua; as “loanzas”, sección máis densa que, a xeito de florilexio, é espello desa extensa rede de afectos do autor e a expresión da “condena”, integrando poemas nos que a súa voz adopta unha formulación crítica, alén da sección final que incorpora composicións de carácter vario.

         Os poemas presentan unha coidada factura de filiación clásica e, sen dúbida, espellan unha personalidade literaria sensible e comprometida, que vai máis alá de construír poesía de circunstancias pois todos eles revelan o pulo, como o seu prologuista Xesús Alonso Montero sinala con acerto,  dun xeneroso “poeta celebratorio” en quen palabras, ritmos e modos “converten o pensamento ético de Fernández Abella en discurso poético, en textos estéticos”. Oxalá a súa voz siga a dar,  por moito tempo, froitos semellantes.

Baixo o título de “Poesía estremeira”, este artigo viu a luz nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 7 de outubro de 2012.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: