Donde Europa comienza, de Ramón Loureiro

Ramón Loureiro

Donde Europa comienza

Edicións Embora, Ferrol, 2012, 24 €

Que Ramón Loureiro adoptase como subtítulo deste último libro seu o sintagma de “viaxe sentimental” non é gratuíto nin tampouco, na miña opinión, azaroso. O escritor inglés Laurence Sterne xa o dispuxera en 1768 no frontispicio do seu célebre libro e perviviu con fortuna, e lectores, ata hoxe. Eu non sei cantas persoas lerán na actualidade a Sterne, algo sempre recomendable, pero teño a convicción de que son moitas máis as que len diariamente a Loureiro, tanto a súa obra de ficción coma as súas columnas e reportaxes xornalísticas, territorios todos eles caracterizados por ostentar difusas e esvaídas fronteiras.

       O exquisito traballo de Edicións Embora é o que permite que poidamos coñecer, en forma de libro, aquelas crónicas que, durante dous anos, se acolleron nas páxinas dominicais da edición ferrolá de La Voz de Galicia de maneira que agora, este Donde Europa comienza aposta por subverter a tópica e infundada acusación de prosas efémeras, categorización sen dúbida inmerecida, para gozar dun novo e perdurable percorrido.

      Loureiro, así pois, que non  paseou por Francia nin por Inglaterra para compoñer estas crónicas, quixo percorrer un espazo máis próximo como son as terras de Ferrol, Ortegal e O Eume -ese Escandoi ficticio ou imaxinario que cada día me parece máis real e tanxible- e o fixo cos ollos ben abertos, atento aos pequenos detalles que reservou na súa memoria, sostendo unha pequena cámara fotográfica disposta a reter e revelar aqueles ángulos que só o fotógrafo é capaz de ver, ou trasver: verbo que en galego vén sendo, máis ou menos, conxecturar ou presentir, todos os significados creo que valen. Aquel libro de Sterne, é a última ocasión que establezo paralelismos, provocou algunha retesía cun escritor inglés do seu tempo hoxe case esquecido, pero o de Loureiro, que eu saiba, non suscitou disputa ningunha e será difícil que o faga pois quen a estas páxinas se achegue, mesmo enarborando un espírito moi crítico, que de todo hai, non poderá deixar de subliñar as súas excelencias, entre as que encontro esa lección tan ben asimilada como é a de debullar, con enxeño, sutileza, proximidade e dose de ironía cando fai falta, ese pouso de sensacións particulares nacidos ao abeiro dunha viaxe que vai de Aires a Xuvia, de Cabanas a Murgardos, da Malata a Cedeira, de Caaveiro a Teixido, de Neda a Moeche, de Canido a Sillobre…, lugares poboados de xentes de carne e óso pero tamén doutras persoas que o foron. Universos únicos deseñados a través das singulares pegadas que o autor rastrexa na arquitectura e na paisaxe, nas luces e nos misterios que atesouran, nas maxias e nas lendas que aínda perviven, no que non se entende e naquilo que tampouco é preciso explicar.

      É este un libro raro no sentido clásico e positivo do termo: marabillosamente introspectivo e conducido cunha voz que manexa os ritmos narrativos con tanta elegancia e sutileza non é estraño que, en calquera meandro discursivo, un sinta que crecer a necesidade de descubrir ou reencontrarse con algúns dos cantos insospeitados dos que aquí se recorda a súa existencia. Donde Europa comienza parece inspirado en extraordinarias fantasías ou en realidades tanxibles constatadas polo autor e sempre se sitúa no ronsel dese xogo ambiguo e convincente inserido na mellor das tradicións que harmonizan boa literatura con bo periodismo.
      Ler por vez primeira estas prosas, ou relelas talvez, resulta un exercicio saudable que testemuña -o prólogo de Carlos Agulló e o epílogo de Ramón Pernas así o confirman- que este é un libro que nace nos camiños iluminados pola memoria, o corazón e a lucidez. Non é doado sequera internarse neses territorios ás veces abruptos e difíciles de asediar, case inexpugnables, como son os espazos cotiáns e máxicos a un tempo; e aínda menos o é saír deles tan airoso e contaxiar entusiasmo e fascinación polo que o autor viu ou sentiu. Eses mesmos territorios que antes xa cabalgou San Rosendo, iluminados agora cunha intransferible e suxestiva mirada.

Este texto, agora íntegro e en versión galega, publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 6 de outubro de 2012.