Dolores Vilavedra sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

A profesora e crítica Dolores Vilavedra escribe nas páxinas de Praza Pública as súas impresións arredor de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. A miña gratitude pola súa lectura.

Integrando neste epígrafe de non ficción Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, a monumental biografía do celanovés preparada por Ramón Nicolás, son consciente de incorrer en certa contradición pois xa o propio poeta se preguntaba que pode haber que sexa máis ficticio ca unha biografía, xénero que definía como unha “invención” que tiña como obxectivo “captar la faceta esencial del alma del biografiado” para “construír una especie de esquema interpretativo, siempre parcial”. Pois ben, abofé que Nicolás consegue isto, e moito máis: anos de entrevistas, de furar nas hemerotecas e de axuntar documentación permítenlle non só debuxar unha imaxe máis fonda e matizada do home e do autor senón  tamén completar a crónica literaria e política dun tempo aínda non abondo historiado.

        Mais o biógrafo é quen de non estrangular o seu alento creativo: o discurso combina o rexistro factual e obxectivo con puntuais incursións noutro máis libre, xogando ás veces a recrear de xeito indirecto a voz e o punto de vista de Ferreiro e verquendo aí as páxinas máis fermosas desta obra senlleira, como as que abren o capítulo 14, nas que rastrexamos con emoción a pegada do comezo da Alba de gloria.