Juan Romero, no seu blog Ler e ver, sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

O profesor Juan Romero, responsable dos blogues Ler e ver e Libros, cine y televisión, incorpora unha extensa recensión sobre Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Extraio aquí uns fragmentos da súa lectura, extraordinariamente atenta, xenerosa  e minuciosa.  Unha vez máis, toda a miña gratitude.

Celso Emilio Ferreiro nace en Celanova (Ourense) en 1912 e morreu en Vigo en 1979. Escritor sobre todo de poesía e algo de prosa, un dos persoeiros máis importantes do galeguismo antes, durante e despois da Guerra Civil. Unha infancia en Celanova, a súa participación na guerra, o exilio a Venezuela durante case oito anos e a súa volta na que se ve obrigado a vivir en Madrid, que é onde atopará traballo. Unha vida chea de cousas, de matices, de problemas, de alegrías e desencantos. Unha vida que non vou desvelar porque agora esta obra vai achegarnos a todas estas cousas. De paso teño que dicir que a maior parte delas descoñecidas para min. Evidentemente coñecía ao autor e a súa obra, pero gracias á novela de hoxe teño unha visión moito máis completa da mesma, completa e interesante, con moitas cousas que me chamaron a atención. Creo que ese desencanto foi unha das constantes da súa vida, iso e a poesía, claro, arma para sacar fóra todo o que tiña e tamén para loitar contra moitas cousas. Coñeceremos moitas historias, interesantes unhas e curiosas outras. Como a súa ilusión de rapaz era ter unha bicicleta e acabou cun burro, como lle pide a Camilo José Cela que lle consiga un cráneo de vaca portuguesa, como coñece a Moraima, a súa muller… Unha chea de datos, de momentos da súa vida, de detalles que fan que ademais de aportar unha visión moi completa sexa unha lectura entretida e moi agradable, en moitos momentos case como se estiveramos a ler unha novela e non un ensaio biográfico. É a primeira biografía editada deste home fundamental da cultura galega, centrada máis (e iso é o máis interesante) na súa vida, non na súa obra. Non é unha análise dos seus poemas, dos seus libros ou dos artigos, claro que se fala deles, pero como un elemento máis dentro dunha vida chea de momentos importantes.
           Un relato da súa vida,  feito por un lado con toda a obxectividade que dá o material co que traballou o autor, pero ao mesmo tempo cun gran cariño pola persoa que se nota en moitos momentos. Hai varios capítulos a medio camiño entre o ficcional e a realidade nos que o autor imaxina escenas da vida de Celso Emilio, escenas que o lector vai vivir case como si estivera nelas, cun dominio da narrativa de ficción que non é algo normal neste tipo de obras. […]
      En momentos importantes e precisos da súa vida o biógrafo métenos dentro da mesma, imaxinando escenas e, sobre todo, sentimentos e sensacións. Creo que é un bo modo de facer máis humano e cercano ao personaxe, que os lectores teñamos unha idea de como era realmente, unha visión máis que sumar ao resto do que nos conta, axudando a coñecer realmente a Celso Emilio. Entre estes momentos novelísticos está o resto da súa vida contada tamén dun xeito ameno e fluído, que nunca se fai pesado para o lector. Unha morea de datos, de personaxes, de historias, de lugares resultado dun inxente e enorme traballo de investigación. Non creo que esaxere se digo que é unha innovadora maneira de achegarnos á biografía dunha persoa, moito máis interesante e amena que en outro gran número de ensaios e que pode crear un novo camiño para este tipo de obras.
       A editorial cualifica a obra como “unha biografía monumental”,   unha obra que percorre a vida dun autor fundamental da sociedade galega. Podo dicir con coñecemento de causa que o traballo realizado por Ramón Nicolás tamén merece ese adxectivo de “monumental”. Un traballo de máis de tres anos pero que comezou moito antes. Non creo que se poidan contar a cantidade de horas dedicadas a este libro. Moitos dos datos parten das cartas ás que tivo acceso ao longo dese tempo, escritas ou recibidas por Celso Emilio ou referidas a el. Centos de cartas, milleiros de documentos. Horas dedicadas a entrevistas a moitos dos que aparecen na obra. Intentos de contactar con outros que ao final non deron froito. Darlle forma a esta inxente cantidade de material non pode ser nada fácil, e moito menos conseguir estruturalo baixo a forma dun libro que se segue case como unha novela. Lecturas e relecturas, correccións, engadidos e cousas que puideron quedar no tinteiro por puro esgotamento. Creo que un dos méritos fundamentais deste Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro é conseguir volcar todo este material do xeito que se fixo sen resultar unha lectura pesada, aburrida ou lenta. Gran parte desa documentación aparece baixo a forma dunhas interesantes e exhaustivas notas ao pe, así como unhas páxinas finais nas que se reflicten algúns dos máis importantes.
       Como lle dixen ao propio Ramón Nicolás uns días despois de empezar a lela a miña crítica sobre a mesma foi “que me estaba a gustar moito, pero moito, máis do que eu esperaba cando a empecei”. Sentíame na obriga moral de lela, claro, pero sorprendeume desde o principio o estilo e a forma, o dominio do fío narrativo e a forma de contar moitas cousas. Xa dixen que eses capítulos nos que o biógrafo imaxina as cousas parecéronme moi bos, conseguindo que imaxinara máis dunha situación perfectamente. Quedoume gravada unha escena entre Celso Emilio e a súa nai chea de tenrura e sentimentos. E se ademais o resto tamén se lía ben pois mellor que mellor. Non podo rematar sen destacar dous dos últimos capítulos. “As amizades” é un, vainos dar unha idea da personalidade de CEF vista a través das súas relacións con algunhas persoas, amigos, inimigos ou as dúas cousas á vez. O outro que destacaría é o último, xa que me resultou un gran remate, o dedicado a Moraima, a muller do poeta; unha persoa fundamental en toda a historia, presente desde case o principio, non quería rematar a obra sen saber algunha cousa máis dela, e así foi, rematamos coa historia desta muller como unha forma perfecta de pechar o círculo da traxectoria vivencial de Celso Emilio Ferreiro.
       CEF pensaba que os poetas eran inmorredoiros, que non eran soterrados, senón “enversados”, os seus versos permanecían para sempre. E cando alguén os le resucitan un pouco, eran “desenversados”, unha marabillosa expresión que unha vez máis demostra a gran personalidade e orixinalidade deste home ao que agora coñecemos máis e mellor.
        Unha obra que creo que vai ser fundamental dentro do xénero e que permanecerá ao longo do tempo como unha referencia. Evidentemente eu son un lector máis que, ademais, coñece ao autor, pero isto non ten moito que ver coa perspectiva que teño da mesma.
Juan Romero