Xoán Carlos Domínguez Alberte incorpórase a esta sección cun poema inédito titulado “Vamos”, de inequívoca vontade reivindicativa e articulado como un diálogo cunha coñecida composición ferreiriana. O texto leuse polo autor nun acto de homenaxe en Celanova a Celso Emilio Ferreiro celebrado este pasado verán e reprodúcese en versión mecanografada á conclusión deste apuntamento.
Domínguez Alberte, ensaísta e poeta de ampla traxectoria, pertence ao grupo de persoas que idean as composicións con apenas algúns trazos rápidos —ben pouco lexibles segundo confesa— recollidos en papel e escritos, en primeira instancia, onde se poida. De aí en diante este material inicial vai madurando, arriquecéndose e puíndose, pasando logo a incorporarse, nunha segunda versión, a un cartafol ou caderno cunha caligrafía máis coidada, onde non faltan, a miúdo, particularidades a respecto do proceso de xestión da obra.
Vamos
Para XAM de corazón arraiano. (*)
Eles xogan coas palabras
dende o poder para envolver
a crúa realidade
e emitir comunicados oficiais
de desmentir que neste mundo
cada ser humano é unha cifra
rebaixada sen dereitos universais
cos que omitir que hai fame
de verdade
e desculpar a ecuación
mandar igual a mentir.
A postura é descualificar
o contrario para exculpar
a súa impostura inculpada
no estrondo do percutor
do revólver da impunidade
coma as claudias sen embalsamar
que Eles
nunca condenaron.
Contrapoder contra o poder
Porque hai que votar e hai que botalos!
Son o gran poder do capital
o gran poder da capital
do capitalismo transnacional.
E hoxe cómpre máis que nunca a unión
do pobo galego.
Porque hai que votar e hai que botalos!
Coma unha peste neghra
que destrúe as árbores da vida
no interior dun grande incendio
e deixa fumegando un mar de chapapote
de mentiras.
Anticapitalismo é bandeira
que non reza
con neghrura
nin con explotación.
Cómpre revolver o revólver
da súa implacábel prepotencia
de envolver o abuso de poder
en inmunidade
e devolverlle ao pobo
o poder de sermos nós
donos dos recursos
coa palabra decisoria
entre todas e todos
crearmos a ilusión comunista
da realidade.
Porque hai que votar e hai que botalos!
Coma un irmau che falo.
O Alcouce, 31 de agosto de 2012
(*) Poema que dialoga, dende o título, con aquel “Veño”, dedicado por CEF a XAM, en Mendoza en xullo de 1968, e incluído no libro Terra de ningures (1969).