Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo e Xosé Cobas

Tucho Calvo

Paxaro de mar e vento (ilustracións de Xosé Cobas)

Biblos,  Cesuras, 50 páxinas, 16 €

 

Dedicado á “imaxinación transformadora das nenas e nenos” chego a este Paxaro de mar e vento de Tucho Calvo, que acompaña unha lectura visual  tan extraordinaria como nos ten afeitos o ilustrador Xosé Cobas.

    Nesta xinea dos álbums ilustrados Tucho Calvo intérnase, con sensibilidade e altas doses de estímulo para os lectores máis novos, por un universo no que, xustamente, é a imaxinación o factor que se converte na forza motriz que alimenta un fío narrativo construído desde a asunción de que non sempre os paxaros proveñen dun ovo. A historia gaña en proximidade e complicidade ao se emprazar nunha praia onde é posible que un envurullo creado dun xeito natural se transforme nun nobelo, nun niño que acollerá novas aves bautizadas con nomes sonoros -astriófolo, astrógado, gastriedo, afrópoda…-, malogradas porque o seu nome non se reitera como debería, isto é, porque as cousas e os seres existen só cando se nomean.                

       Estas aves devanditas nacen sempre do diálogo entre unha nai e de Mar, a súa filla, até que chega, para quedar, outro paxaro chamado “astrófuga mariña”, deseñado e alimentado, igualmente, polas cualidades que se lle poden ir, libremente, atribuíndo. E aquí, ao meu parecer, repousa un dos méritos desta entrega: describir o que semella que non está diante e que non é real, afondando así nas posibilidades da imaxinación creadora que vai desprendendo, até a páxina final, un inequívoco arrecendo a liberdade para concluír cunha explícita invitación a seguir fabulando. Así faremos.