Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Acuario, de María Canosa

María Canosa

Acuario (ilustracións de Dani Padrón)

Edicións Embora, colección Fardel dos soños, Ferrol, 2012, s/p, 10  €

 

Non resulta doado moverse no ámbito da creación para nenas e nenos sen caer na excesiva simplificación, por un lado, ou no criptcismo máis absoluto para quen comeza a achegarse á lectura; e aínda o é menos se falamos de poesía. Sinalo todo o anterior pois este Acuario que publica Edicións Embora, o último libro polo de agora de María Canosa, coido que solventa e supera con creces estas posibles  dificultades cando, ademais, asume unha temática moi concreta exposta a través da visita dun grupo e nenas e nenos a un acuario co obxectivo de coñecer todos os seres mariños  que o poboan. É xustamente nesa visita como a autora sabe transmitir as expectativas que calquera grupo semellante pode atesourar diante dunha visita deste carácter…, e faino servíndose de afortunados golpes imaxinativos.

    A fórmula pola que a autora opta para amosar os trazos principais deses seres que viven no acuario resulta, xa que logo, moi rendible, ao alternar a súa descrición e características propias  co contrapunto fantasioso e suxestivo que as propias nenas e nenos van construíndo. Se, alén diso, se lle engaden acaídas pingas de humor e ironía e mais un  léxico específico vinculado coa denominación dos peixes habituais en Galicia, non dubido en cualificar este álbum ilustrado como unha proposta suxestiva e aleccionadora. A todo iso axuda, e non pouco, a lectura visual do ilustrador Dani Padrón, marcada polo movemento, polo colorido e optimismo.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 18 Outubro 2012 por en Álbum ilustrado,Crítica literaria , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: