Benvido, Agustín Fernández Paz!

Souben hoxe da estrea dunha completa web de Agustín Fernández Paz, que ideou e deseñou a empresa Punpún. O acaído do seu deseño e a axilidade pola que o internauta se pode mover por ela resultan, a meu entender, inmellorables. Con todo, para min supón outra alegría engadida o feito de que esa web incorpore un blogue polo que Fernández Paz transitará, tal e como confesa, desde a perspectiva dun lector: “Nel escribirei sobre o único que me apetece contar: os libros que lin, os cómics cos que tanto gocei, as películas que me fascinaron ou as cancións da miña memoria sentimental. En resumo: as historias que me axudaron a vivir” (…) “O que quero contar son os momentos da miña vida en que cheguei a ese libro, a esa película, a ese tebeo… e as lembranzas que conservo deles. E facelo con subxectividade e sinxeleza. Deixándome levar polas reviravoltas da memoria, sen outra orde cronolóxica que a ditada polo azar”.

       Achegarse a eses textos, estou certo, será unha oportunidade que cómpre non desbaldir para seguir aprendendo porque o escritor vilalbés, ninguén o dubida, non é un simple lector, é un lector moi importante e, se se me permite, moi querido. Parabéns e benvido, Agustín!