Non escribe en lingua galega, polo de agora, pero Gonzalo Moure, nado en Valencia pero radicado en Asturias desde hai anos, ademais dunha voz que é referente no ámbito da literatura infantil e xuvenil como amosa unha longa nómina de galardóns obtidos -obras na lista de honra da IBBY, Premio Barco de Vapor 1995, Premio Ala Delta 2001, Premio Gran Angular 2003 e Premio Anaya- é un escritor que particularmente admiro moito pola filosofía que deitan as máis das súas obras e polo moito que aprendo das súas reflexións sobre a lectura e outros temas que se poden consultar na súa web. Vertéronse, iso si, ao galego moitas pezas da súa autoría como Palabras de Caramelo (2003), Eu, que matei de melancolía ao pirata Francis Drake (2004), A noite do Risón (2007), Cama e conto (2010) e, en colaboración con Tina Blanco, A porta de Mayo (2008), todas elas en Xerais, ou Son un cabalo (2008) en Kalandraka.
Tras lle solicitar unha colaboración para esta sección sorprendeume, e agradoume, a confesión que reproduzo aquí: “sabes que no escribo en gallego, aunque tengo desde hace un par de años un proyecto de un libro para niños sobre un chaval colombiano que, por amor, comienza a escribir en gallego. (…) Se llama <<Cartas dun aprendiz do amor>>”. E para testemuñalo velaquí un par de páxinas do esquema destas inéditas e suxestivas Cartas dun aprendiz do amor, ademais dunha das páxinas do texto, todas elas manuscritas ex profeso para este blog. Desde aquí o meu agradecemento a Gonzalo Moure pola súa amabilidade, tanto pola primicia como polo proxecto en si, que agardo ver axiña transformado nunha publicación. Oxalá.