Estética e temporalización do Camiño Xacobeo, de Antonio Gamoneda

Antonio Gamoneda

Estética e temporalización do Camiño Xacobeo (tradución Mª Fe González Fernández)

Trifolium, col. Musa pedestris, Oleiros, 88 páxinas, 12 €

 

Non canso de gabar os galanos que a editorial Trifolium ofrece ao público galego nas súas distintas series, mais en especial os que se incorporan na colección Musa pedestris, que xa nos deu marabillosos títulos, entre outros,  de Aranguren, Russell, José L. Sampedro, Robert L. Stevenson ou Jonahthan Swift. Esta colección incorpora agora un orixinal de Antonio Gamoneda, inédito até agora, e que por desexo expreso do autor quere que vexa por primeira vez a luz en lingua galega. Outro agasallo, así pois, que vén cadrar asemade co festexo dos dez anos de andaina do selo dirixido por Xan Arias.

O presente volume de Gamoneda céntrase, tal e como o propio autor confesa, nos aspectos “formais e iconográficos” do Camiño de Santiago que se vinculan á arquitectura, á escultura, á pintura e á escrita “en función estética”, partindo en primeira instancia dun conxunto de “sospeitas” nacidas ao abeiro dunha ollada intuitivo que vén sendo a que fornece unha visión concreta e singular diante de determinadas formas artísticas.

    A tese que formula Gamoneda, así pois, esculca e dialoga basicamente coas pegadas dunha posible “anterioridade” da existencia do Camiño xacobeo ao que son os rexistros ou datas máis ou menos oficiais. Neste sentido, o seu ensaio ofrece unha dinámica de procura de datos protoxacobeos argumentando con eles unha adxudicación serodia do nacemento do Camiño, vinculada en exceso tanto á figura de Xelmírez como á do propio Códex.

      Este exercicio de rastrexo, de exposición e de diálogo; este xogo de interrogacións e respostas, articúlase desde a asunción dun rexistro expositivo ao alcance de calquera lector. Foxe, Gamoneda, das complexidades terminolóxicas, axota o cripticismo para expoñer, con sinxeleza e indiscutible atractivo, os argumentos da súa proposta. Para un leigo nestes asuntos, mesmo para alguén a quen as cuestións xacobeas non están na prioridade dos seus intereses, como quen escribe, só teño que dicir que me informou e  me documentou con amenidade dunha realidade descoñecida. Ler a palabra de Gamoneda, e máis se é en lingua galega, sempre é un pracer.