Recibín con moita alegría a segunda entrega do boletín virtual Novas Penzol, neste caso dedicada a Celso Emilio Ferreiro, pois rastrexa, sistematiza e exhibe os fondos ferreirianos existentes tanto na Biblioteca Penzol como na Biblioteca Fernández del Riego. A alegría é maior porque o traballo procede do labor rigoroso dunha persoa que moito estimo como é o profesor, que sempre o será, e escritor Silvestre Gómez Xurxo, quen se responsabiliza deste traballo, por veces ingrato, inxustamente recoñecido pero que tantas veces é sorprendente e, sobre todo, cheo de utilidade. A publicación bibliográfica posibilita, desde agora, acceder de xeito rápido e doado a eses fondos que, particularmente, tan valiosos me resultaron para a construción de diversos traballos sobre Celso Emilio e que, ademais, nalgunha medida están reflectidos e incorporados en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, quer fragmentariamente quer recollidos ou suxeridos en notas a pé de páxina.
O boletín Novas Penzol supón, ao meu ver, unha vía moi interesante para seguir afondando no coñecemento deses insubstituíbles e riquísimos fondos: un patrimonio valioso para quen queira investigar e saber máis. Parabéns pola iniciativa.