Epitafios literarios (I): de Celso Emilio a Lovecraft

Achégase  a data  que eu sempre chamei Defuntos,  e lembrei, ao fío dun interesante apuntamento de flavorwire arredor dos epitafios literarios,  que Celso Emilio, ben sabido é, encerrou con aguillón sarcástico en Cemiterio privado un bo número deles, incluso ideou un para esas derradeiras palabras, que ao final se substituíu por este ben coñecido e mesmo popular que aparece na fotografía da dereita.

     Entre nós resulta  ben coñecido o que Xosé Ramón e Fernández-Oxea dipuxo para a súa lápida: “O señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”. Ou a frase tan célebre que consta na lápida de Álvaro Cunqueiro.

    Na tradición anglosaxoa hainos suxestivos, en ocasións escolleitos por outras persoas próximas que se inspiraron nas obras literarias que escribiron como é o caso de Virginia Woolf, cuxa lápida loce un texto escolleito por Leonard Woolf: “Death is the enemy. Against you I will fling myself, unvanquished and unyielding o Death! The waves broke on the shore.” (algo así como:  “A morte é o inimigo. Contra ti me lanzarei, invicto e obstinado, oh, Morte! As ondas rompían na beira.”)

     Conclúo esta primeira entrega con Lovecraft, que incorpora un sinxelo: “I am Providence”: unhas breves palabras tiradas dunha carta persoal do autor na que se refería á súa cidade natal, talvez o espazo que asociaba aos seus anos máis felices.