Presentación de Palabras de auga, de Marcos Calveiro

Vaia por diante que non tiven vagar aínda para ler estas Palabras de auga  de Marcos Calveiro, premio Merlín 2012, malia ter magníficas referencias desta novela. Estas referencias afortaláronse onte na presentación deste libro que se desenvolveu na Casa do Libro de Vigo, diante dun nutrido grupo de persoas.

      Gustoume a brevidade e concisión do acto, que principiou Manuel Bragado  desenvolvendo tres ideas-forza que partiron da relevancia do Premio Merlín: un “galardón sen o que non se pode entender a literatura galega infantil e xuvenil dos últimos anos”. Asociou, asemade, este premio ao concepto de “talismán” para moitas voces que o acadaron na súa historia, subliñando a relevancia da colección que os acolle: a máis extensa da literatura galega actual que chegou xa aos douscentos vinte e cinco títulos. A estas reflexións engadiu a lóxica referencia ao autor e ao seu percorrido literario marcado sempre pola “procura da beleza nas súas diversas expresións, afondando na condición do ser humano a través da música, a historia, o cinema ou a pintura”, entre outros panos de fondo nos que sitúa as súas propostas. Por último. definiu sinteticamente esta novela como “unha viaxe a un espazo como é África”, outorgándolle unha ollada contemporánea “dirixida ao que por veces non vemos”; unha novela “sen idade, esixente e emocionante”, subliñando como trazo definitorio a importante carga de emotividade que a goberna, na que non é menor a achega artística de Ramón Trigo ao efecto.

       Agustín Fernández Paz deu lectura a un texto escrito que partiu dunha luctuosa noticia actual como foi a morte que atoparon uns emigrantes no día de onte no mar de Alborán, para enfiar logo un discurso crítico sobre esa imaxe de África e os africanos que nos chega ao occidente e afirmar, intercalando a lectura de fragmentos da novela,  que esta é “un iceberg” cunha “enorme masa de xeo por baixo” que non se ve mais que sostén un edificio narrativo revisado puntualmente polo vilalbés en diversas dimensións,  adxectivando o texto como unha “novela das boas, das que deixan pegada”, desas que o lector “se quere saber máis ten que cavar” e que, ao tempo, recrean un espazo “universal” que alén das circunstancias externas tamén “fala de nós”.

      O serán concluíu coa lectura dunha magnífica coda á novela que Calveiro ofreceu ao público asistente. Unha sorte de capítulo final que situou o personaxe protagonista da novela preto de nós, entre nós: un deses que “venceu a morte salgada” e que resiste, tamén, estes tempos. Mentres, Ramón Trigo, realizaba unha espléndida ilustración “ao vivo” que queda recollida nesta fotografía da esquerda.

     Non precisaba asistir á presentación deste libro de Calveiro para animarme a  ler a súa última novela,  mais non dubido que foi unha sorte presenciala, por suxestiva e informativa, tamén polas faíscas de emoción, que tamén as houbo. Parabéns, outra vez, ao autor.