Marcopola. A illa remeira, de Jacobo Fernández Serrano

Jacobo Fernández Serrano

Marcopola. A illa remeira

Xerais, Vigo, 2012, 56 páxinas, 12 €

Lin con moito interese e satisfacción esta primeira entrega dunha nova colección denominada “Merlín Cómics” que ve a luz en Edicións Xerais. Sabía ben da versatilidade e eficiencia creativa de Jacobo Fernández Serrano, quen xa amosara, entre outros traballos, unha recreación magnífica da vida e mais da obra dun escritor como testemuñou o seu recente Lois Pereiro. Breve encontro.

    Camiña agora o autor pola dimensión da banda deseñada para un lectorado máis novo que ben podería, se non o fixo xa,  iniciarse no cómic en galego con esta entrega, neste caso coa seguranza de non saír defraudado. Ao que parece, este primeiro volume titulado “As orixes de Marcopola”, dá inicio a unha serie que gozará de continuidade e que conxecturo colleitará algúns éxitos pois o autor manexa acaidamente unhas claves imaxinativas e fantásticas que resultará difícil deixen de interesar: unha illa viaxeira, un osiño aviador chamado “libro”, que non é “dro” pero case, bolboretas, un dragón, un neno perdido…, personaxes operativos para se mover  con acerto nun universo sólido, imprimindo ao relato e á imaxe unha dinámica moi veloz e fluída. Ademais a proposta non discorre unicamente polos camiños do divertimento pois xorden tamén, aquí e acolá,  chiscadelas para un lectorado máis adulto. Convido a descubrilas e compartilas.