A punta de pistola, de Fran Alonso

Fran Alonso

A punta de pistola

Xerais, Vigo, 2012, 144 páxinas, 11,35 €

 

Reflexionaba Fran Alonso no seu blogue sobre a sorte que supuña para esta obra a posibilidade de gozar de dúas vidas. En efecto, o galardón que acadou en xullo deste ano –a duodécima edición do premio de novela por entregas La Voz de Galicia– supuxo a primeira vida, á que se asomaron milleiros de lectores e lectoras que accederon día a día, a través das páxinas en papel e da web do xornal, a esta proposta narrativa que ve con fortuna como  a súa recepción se proxecta cara a unhas dimensións dificilmente igualables noutros soportes. E  é agora cando comeza a súa segunda vida ao ver a luz en forma independente e publicada por Edicións Xerais, emprazada por certo nunha colección que, en primeira instancia, se destina ao lector xuvenil, algo que talvez poida desorientar na medida en que esta peza narrativa semelle unha obra para adultos. Éo, sen dúbida, mais  tamén encerra algúns trazos de novela de fronteira, iso que en inglés se denomina “crossover”: propostas narrativas que presentan uns límites esvaecidos entre o que tradicionalmente se considera literatura de adultos e xuvenil.

         A punta de pistola, como é lóxico, fai descansar a súa estrutura nas esixencias do xénero: un número de caracteres moi concreto e mais un ordenamento distribuído en trinta e un capítulos. Para Fran Alonso, como lle ocorreu no seo do mesmo premio a An Alfaya, Marilar Aleixandre ou Diego Ameixeiras, entre outras persoas, esta premisa obriga, necesariamente, a un exercicio de contención expresiva, de esencialismo se se quere, e esixe desenvolver un argumento que demanda un ritmo acaído para captar ou prender a atención do lectorado que chegaría inicialmente á historia día a día. Teño para min que este ritmo é un  dos elementos máis salientables da novela de Fran Alonso pois a súa  posta en marcha resulta espectacular, o que lle imprime un dinamismo que contribúe a explicar, isto é indubidable, unha parte tantas veces oculta do universo polo que transitamos no noso tempo: esa faciana máis conflitiva, que ás veces supera os límites do verosímil e pola que o autor circula unha e outra vez como ben testemuña a súa xa longa e vizosa presenza como narrador e poeta entre nós: velaí de novo asuntos como a  desestruturación familiar, a experiencia da soidade no mundo contemporáneo, o mundo das novas tecnoloxías ou a marxinalidade social, entre outros.

         Mais, que nos conta A punta de pistola? Basicamente é unha historia protagonizada por un delincuente que, xunto coa súa muller, acoden a un punto de encontro familiar para ver os seus fillos, tutelados polos servizos sociais. É nese momento cando os secuestran –a punta de pistola- e onde nace unha fuxida pola área metropolitana de Vigo, de inequívoca filiación cinematográfica; por outro lado, esta liña argumental amosa un contrapunto nucleado arredor doutra personaxe como é unha camioneira-blogueira, simbolizándose nela unha evidente homenaxe a Celia Rivas, a primeira camioneira galega da que se ten constancia, até que nun momento determinado senllas historias converxan sorprendentemente.

         Ben evidente resulta que Fran Alonso, dono dunha pulsión narrativa propia, segue a incorporar, agora con este novo libro, diferentes e suxestivos matices a un edificio creativo que se alimenta da realidade que nos rodea, dialogando sempre con outras obras anteriores…, mais ese é outro mérito que, quen se asome a este volume, poderá descubrir.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, baixo o título de “A segunda vida”, o 3 de novembro de 2012.