Luces, bicos e cores, de Concha Blanco e Gemma Aguasca

Concha Blanco e Gemma Aguasca

Luces, bicos e cores

Edicións Embora, col. Fardel dos soños, Ferrol, 2001, 24 páxinas, 10 €

 

Concha Blanco, autora de dilatada traxectoria no ámbito da literatura infanto-xuvenil, ofrece neste volume, editado por Embora, unha proposta construída coa vontade de aplicar intensas doses imaxinativas a conceptos ou realidades máis ou menos cotiás e que poden resultar próximas ao mundo da infancia.

    Velaquí, como un rodopío, papaventos, a cor gris, unha gaita, unha princesa…, a carón de eixes  vinculados co mundo dos sentimentos, das ensoñacións ou doutros ámbitos  facilmente recoñecibles,  a conviviren cunha visión manifestamente optimista que non agocha unha invitación á reflexión cando cómpre. Ao tempo, exhíbese sempre un variado manexo de recursos na construción poética, tal e como lle acae a unha voz sólida e moi experimentada que procura, á mantenta, un diálogo fluídoe directo co lectorado máis novo.

    Non esquezo o concurso destacado neste volume da ilustradora Gemma Aguasca que realiza, pola súa parte, unha suxestiva e particular interpretación visual que completa este álbum ilustrado.