FUNDOU, HAI AGORA DEZ ANOS, UNHA EDITORIAL DE SONORO NOME, TRIFOLIUM, QUE LOGROU FACERSE UN OCO NO PANORAMA DOS SELOS GALEGOS MÁIS SERIOS, ORIXINAIS E COIDADOS NO ESTÉTICO
Xan Arias naceu en Madrid pero radicouse en Galicia nos anos oitenta. Dedícase profesionalmente ao mundo da comunicación e a prensa, ademais de dirixir Trifolium. Foi tamén autor de diversos libros, entre os que destacan A encadernación (1995), A Coruña nos textos dous viaxeiros (2008) e Viaxeiros por Galicia (2011).
-Que o levou a embarcarse nesta aventura?
-A paixón artesá por esa nobre aventura que é facer dun texto un libro. Son un editor vocacional apaixonado pola súa vertente cultural, pero valorando en igual medida o aspecto artesanal do oficio. Non pretendo buscar nada novo nin orixinal, senón algo auténtico e perdurable. Como apunta Andrés Trapiello, un libro é sempre, como o universo, a harmoniosa conxunción de moitas órbitas.
-Cales son os sinais de identidade de Trifolium?
-A súa propia traxectoria, a consolidación do seu catálogo, a profesionalidade dos seus colaboradores e a boa acollida. Desenvolvemos unha liña coherente e identificable, combinando rigor e proximidade, publicando libros serios pero accesibles sobre temas que interesan a un lector culto non especializado e escritos por autores de primeira fila. Malia os criterios que hoxe caracterizan o mundo editorial, sometido como outros sectores á escorrentada do mercado e á vulgaridade do vulgo, unha editorial debe cimentarse nun proxecto humanístico de gran calado.
-Como lector, no seu catálogo sempre encontro sorpresas fascinantes. Cal é o proceso de busca de orixinais?
-Somos unha editorial de editor, procuramos un tema e encárgase a un autor. Así foi con gran parte do noso fondo, onde o encontro da intuición e a capacidade de execución deu bos resultados. Para outros textos, primamos o desexo que a obra suscita, unido ao interese polo autor. Podemos comprobar que todos os libros publicados están conectados entre si, dun xeito máis ou menos evidente ou secreto, pero indiscutible.
-Antonio Gamoneda publica no seu selo dous libros inéditos, e en galego, para esta celebración…
-Con certa ousadía brindámoslle a posibilidade de publicar en Trifolium, encontrándome cunha disposición pola súa banda inimaxinable. Ofreceu dous ensaios inéditos, coa particularidade de que quería que fosen publicados en galego antes que en calquera outro idioma. Certamente, a súa publicación supuxo a mellor celebración do aniversario.
-Como editor, como ve o futuro da edición en galego?
-Os avatares da actual conxuntura política, cun apoio practicamente nulo á cultura, recrúanse ao ser unha lingua minoritaria cun mercado concreto. Os libros nunca se levaron ben co Poder; así, estratexicamente, reducíronse os fondos para as bibliotecas, o que compromete unha das infraestruturas de base da edición. Pero continuará a forza da imaxinación creativa, a vontade e a necesidade de crear con palabras modelos útiles para o mundo. En Galicia e fóra de Galicia. Manterei a ilusión sen facerme ilusións. Ou, como diría Borges, un debe seguir plantando o seu propio xardín, no canto de agardar a que alguén lle traia flores.
Esta entrevista viu a luz na revista Qué leer, nº 181. Ofrécese aquí a súa versión en lingua galega.