Bandada, de David Daniel Álvarez Hernández e María Julia Díaz Garrido

Bandada

David Daniel Álvarez Hernández e María Julia Díaz Garrido (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2012, 32 páxinas, 15 €

Chégame a V edición do Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados e, como vén sendo norma, non defrauda unha chisca, neste caso tanto polo seu formato inesperado como polo seu contido visual e narrativo, ambos os dous innovadores e arriscados dentro do xénero.

      Bandada chega da man de dous autores mexicanos como son María Julia Díaz Garrido e mais David Daniel Álvarez Hernández e edítase en gran formato,  o que posibilita poder advertir a proposta visual en toda a súa intensidade. Isto permite asemade captar o salientable virtuosismo técnico que se reflicte en láminas en branco e negro poboadas por diversos modelos de paxaros humanizados pois estes son, en efecto, os simbólicos e alegóricos protagonistas dun discurso narrativo ideado en clave de metáfora con indubidable ambición e, como se sinalou, erixido desde a  máxima economía expresiva.

        É deste xeito como se suxire e deseña un álbum  que sobarda o ámbito de proxección infantil; velaquí  unha historia da propia humanidade que afonda na mensaxe de como, no nome do progreso e do exercicio do poder, fican no camiño valores que  nunca se deberían obviar, contando cunha inxección final de optimismo ou esperanza.

     Boa andaina, pois,  ás diversas edicións desta Bandada que chegaron da outra banda do mar para quedar entre nós.